Turismo de Galicia e a consellería do Mar, en armonía

Turismo de Galicia e a consellería do Mar coordinarán as súas actuacións nos preto de 1.700 quilómetros de costa que ten a Comunidade co obxectivo de lograr a eficiencia dos investimentos e das actuacións da Xunta de Galicia. Ademais, nas accións a desenvolver seguirase unha pauta xeral e homoxénea para manter a imaxe de marca do turismo galego. 

Con este obxectivo, a directora de Turismo, Nava Castro, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, asinaron un acordo de colaboración que estará vixente ata decembro de 2020.

O acordo contempla actuacións como a creación de sendeiros polo litoral, rutas guiadas pola beiramar, visitas a bancos marisqueiros e xornadas a bordo de barcos pesqueiros, así como iniciativas que melloren a accesibilidade e servizos das praias e poñan en valor os núcleos mariñeiros ou o patrimonio marítimo e cultural subacuático. 

No documento asinado tamén se recollen aquelas accións dirixidas a potenciar centros de coñecemento pesqueiro, a recuperar e divulgar a cultura tradicional mariñeira e as actividades vinculadas ao mar e a crear empresas e servizos de actividades mariñas, entre outras propostas.