Portos de Galicia traballa na creación dun clúster náutico

Portos de Galicia está a traballar na creación dun clúster do sector náutico para o arco Atlántico no que participarán cinco países, España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido. A constitución desta entidade é un dos obxectivos clave do proxecto Capiten do que o ente público é socio e que opta a unha dotación económica europea de 3 millóns de euros para a súa posta en marcha. 

O proxecto Capiten intégrano 18 socios dos cinco países do arco atlántico costeiro que levan máis de dous anos de traballo coordinado para a presentación desta proposta. Tras ser concretada vénse de presentar ao programa europeo Interreg Espacio Atlántico que decidirá sobre o seu financiamento. 

Unha vez aprobado, o proxecto comezaría a executarse en xaneiro de 2017 cunha vixencia de dous anos. Neste período establécese como obxectivo prioritario a creación do cluster da náutica dos cinco países. Esta agrupación afrontará o desafío común de convertir a costa do eixo Atlántico nun destino recoñecido pola súa excelencia no sector náutico. 

Así, o obxectivo último é a posta en valor e rendibilización dos activos naturais e culturais da franxa costeira do arco Atlántico. En termos cuantitativos pretendese acadar unha facturación de 10.000 millóns de euros e a creación de 10.000 postos de traballo, favorecendo así o desenvolvemento económico dos territorios participantes.