Os vikingos navegan cara ao Vicedo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou o “incalculable” valor turístico que terá a primeira Romaxe Viquinga do Vicedo no conxunto da Mariña lucense xa que constitúe unha oferta diferencial para este destino. Nava Castro fixo estas declaracións durante a presentación do evento, xunto co alcalde do municipio, Jesús Novo, e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, entre outras autoridades.

A directora de Turismo de Galicia lembrou que O Vicedo é o único lugar de España que conta con restos dun asentamento viquingo, o que supón un reclamo turístico diferencial que se debe promover e conservar. 

Ademais, afirmou que as pegadas da presenza normanda son un atractivo turístico de primeira orde para a Comunidade como queda patente co éxito de festexos similares como a conmemoración ao milagre de San Gonzalo e o afundimento da flota nórdica en Foz ou, fóra da comarca, a Romaría Viquinga de Catoira, declarada de Interese Turístico Internacional.