Mesa de traballo para o impulso de novos produtos cárnicos

O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) acolleu unha mesa de traballo para o desenvolvemento de produtos adaptados ás necesidades nutricionais de grupos poboacionais específicos, dende a infancia á adolescencia e ata a terceira idade. Esta sesión, na que estiveron presentes o director do Instituto Galego de Calidade Alimentaria – INGACAL, Tomás Fernández-Couto, e o director da Axencia Galega de Innovación – GAIN, Manuel Varela Rey, foi organizada polo Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) en colaboración coa Axencia Galega de Innovación.

O obxectivo da sesión foi analizar as mellores opcións para o desenvolvemento de novos produtos cárnicos adaptados a cada grupo de idade, en concreto, bebés, nenos de 3 a 10 anos, adolescentes de 11 a 20 anos e para maiores de 65 anos. Trátase dunha acción enmarcada no proxecto Nutrigrups, que forma parte da Unidade Mixta impulsada polo Centro Tecnolóxico da Carne, a Axencia Galega de Innovación e Coren, na que se están a investir 24 millóns de euros. O proxecto Nutrigrups pretende implicar ás empresas do sector cárnico no desenvolvemento de produtos adecuados aos diferentes grupos de poboación e así contribuír a mellorar o estado nutricional da poboación obxecto.

Esta é a segunda mesa de traballo realizada no marco deste proxecto, completando a realizada cos Institutos de Investigación Sanitaria de Galicia Sur (IIS Galicia Sur) e do de Santiago de Compostela (IDIS). Deste xeito dáse continuidade ao estudo e compleméntase os resultados obtidos polos seus grupos de investigación.