Horticultura de colexio en Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, clausurou este mércores no CEIP Menéndez Pelayo a décimo cuarta edición do programa Hortos na Escola organizado polo Concello, na que este curso 2015-2016 participaron uns 1.650 nenos e nenas de entre 3 e 6 anos de idade de 15 centros (12 colexios e 3 escolas infantís, dúas delas municipais).

A rexedora e o edil de Educación compartiron cos “pequenos agricultores” do Menéndez Pelayo, 150 nenos e nenas, un encontro que puxo fin este ano, co remate do curso escolar nos vindeiros días, a unha iniciativa que “mantemos dende o Concello porque cremos que se trata dun recurso educativo moi interesante para fomentar nos máis pequenos a conciencia ambiental, e a relación co medio rural e a súa interrelación co urbano a través do contacto directo co entorno natural”. 

Unha coordinadora e dúas educadoras imparten o programa, que se desenvolve dende xaneiro a xuño nos colexios e de maio a xullo nas escolas infantís. As actividades organízanse tendo en conta os ciclos da natureza, elixindo aqueles cultivos máis apropiados para cada época, co fin de recoller os cultivos ao final do programa, nos meses de xuño e xullo. Os nenos e nenas fan todas as labores propias dunha horta: regan, plantan, sachan, sacan as malas herbas, abonan...