Galicia achega a oferta turística a costa leste de EE.UU

As cidades de King of Prussia e Philadelphia (Pensilvania) e Boston (Massachussets) acollerán ata o vindeiro xoves o programa de presentacións da oferta turística de Galicia a operadores turísticos da Costa Leste dos Estados Unidos.

Deste xeito, máis de 150 axentes de viaxes participarán nas xuntanzas organizadas nestas tres cidades, nas que Turismo de Galicia presentará tamén o Camiño de Santiago como reclamo para visitar a Comunidade galega desde os Estados Unidos, de onde xa realizaron a Ruta Xacobea un total de 4.048 peregrinos, un 5,68% máis que no mesmo período do ano anterior.

Ademais, estas presentacións realízanse co apoio do operador turístico Exclusively Spain, unha das principais empresas organizadoras de viaxes dos EE.UU especializada en destinos españois e á que están asociadas boa parte das axencias de viaxes que estarán presentes nas reunións.

Durante as sesións de traballo cos axentes de viaxe de King of Prussia, Philadelphia e Boston, manterase a promoción dos camiños Francés e Portugués, que asociados á gastronomía gozan de gran recoñecemento entre varios segmentos da poboación norteamericana. Por outra parte, no mercado emisor da Costa Leste dos EE.UU, incidirase na difusión dos produtos turísticos galegos relacionados coa natureza, a cultura e a arte.