Estratexia da Xunta para potenciar as prazas de abastos

O Consello da Xunta aprobou o Plan de Mercados Excelentes de Galicia 2016-2020, que destinará 20 millóns de euros a impulsar a calidade e a competitividade das prazas de abastos da comunidade. Este plan contempla 20 actuacións específicas para potenciar estes lugares como espazos de emprendemento e dinamización económica, como a creación dunha plataforma na que se informe daqueles postos que van quedando vacantes nas prazas.

O Plan de mercados excelentes inclúe unha guía de boas prácticas que define os servizos, requisitos e metodoloxías que debe seguir un mercado para elevar a súa calidade, como por exemplo, o acondicionamento do edificio e os accesos, unha xestión unitaria e profesionalizada, o compromiso social co medio e co produto local e, especialmente, a mellora do servizo ao cliente.

Con estas iniciativas, recollidas no Plan de mercados excelentes, o Goberno galego pretende acadar tres obxectivos principais: que en cinco anos 20 dos mercados galegos consigan a máxima cualificación en excelencia; que a taxa de ocupación dos mercados e prazas de abastos se eleve ata o 91,5%, é dicir, en 15 puntos porcentuais; e que as prazas con estrutura asociativa pasen de ser 30 a 45.