Achega de 100.000 euros para a promoción da provincia de Ourense como destino

Turismo de Galicia achegará 100.000 euros para a dinamización turística da provincia de Ourense. Así se recolle nun convenio de colaboración asinado entre a directora do organismo autonómico, Nava Castro, e o presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE), Rosendo Fernández.

Nava Castro explicou que o acordo pretende impulsar os recursos turísticos propios da provincia como o termalismo, a enoloxía ou a natureza para desestacionalizar a demanda con accións de promoción en mercados de proximidade. Desta maneira, consolidarase Galicia como un destino multiexperiencial, cunha oferta segmentada e de calidade, segundo explicou.

Ademais, a directora de Turismo de Galicia afirmou que grazas á colaboración interadministrativa, plasmada na sinatura deste acordo, conseguirase unha xestión eficaz dos recursos e afianzarase un “destino xerador de emprego e redistribuidor de riqueza”. Nesta liña, Nava Castro asegurou que con este convenio o turismo na provincia de Ourense continuará coa tendencia positiva rexistrada en 2015, con 286.370 viaxeiros que realizaron 541.736 pernoitas hoteleiras, un 9% e un 8,3% máis, respectivamente, que no ano anterior. 

En base ao convenio, desenvolveranse actuacións relacionadas co deporte como a promoción do Centro de Adestramento de Remo Laias, Arnoia e Castrelo de Miño nas Olimpíadas de Río 2016, a elaboración dun plan director para esta entidade e a dotación de equipamento para o campo de regatas Arnoia - Laias.