A IXP Pan de Cea presenta o seu primeiro recetario de cociña

O Consello Reguldador da Indicación Protexida Pan de Cea presentou o seu primeiro recetario de cociña, no que o pan se convirte nun ingrediente fundamental na cociña de Emma Pinal. Grazas a súa experiencia profesional foi quen de compilar estas receitas, nalgúns casos de vangarda e noutros máis tradicionais. “Pero ao fin e ao cabo, unhas receitas onde o Pan de Cea toma a súa máxima expresión e que non deixarán indiferente os consumidores”, explicou Carlos Rodríguez, presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea.

Na presentación participaron, amais de Pinal e Rodríguez, o vicepresidente deste Consello Regulador, Juan Luis Calviño; o secretario, Ricardo Losada; a vogal María José Reboredo, e Nuria González, da Casa Rural O Cruceiro, onde tivo9 lugar a presentación. 

Na súa intervención, Carlos Rodríguez salientou que este recetario “é da máxima calidade e con el pretendemos que a xente saiba como aproveitar o noso produto, xa que non só se utiliza para acompañar platos, senón que tamén pode ser un dos seus ingredientes”. Esta publicación estará presente en “todas as promocións e feiras nas que participemos dende o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea”.

Nesta primeira e única guía de cociña amósanse as grandes posibilidades do Pan de Cea con Indicación Xeográfica Protexida na gastronomía. Catorce recetas orixinais coma os Muffins de Pan de Cea con grelos, o Xeado de Pan de Cea con Tomate e Xamón, Brusquetta de Pan de Cea ou Croque Madame. Tampouco faltan as máis tradicionais como o Pepito de Pan de Cea con Ternera Gallega, as Migas de Pan de Cea con Secreto Caramelizado ou a Sopa de Cea.