O San Froilán busca cartel anunciador

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre, deu a coñecer este martes as bases do concurso de deseño gráfico para elexir o cartel do San Froilán Miúdo e do San Froilán Miúdo 2016, que terá lugar do 4 ao 12 de outubro. Poderán concorrer cantos autores o desexen, con traballos de técnica libre, presentando cada un cantas obras considere oportunas, sendo condición indispensable que as obras sexan orixinais. 

Todos os interesados poden presentar os seus traballos ata o 31 de maio na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, na Praza Maior, ou por enderezo postal, en formato dixital JPG, cunhas dimensións de 50x70 centímetros e con 72ppp de resolución, en soporte cd ou lapis de memoria. Ademais, poderanse enviar tamén por enderezo electrónico a cultura@concellodelugo.org, indicando no asunto Cartel San Froilán 2016. Non obstante, se algún participante o desexa e para unha mellor valoración da súa proposta, tamén pode entregar o cartel montado sobre cartón pluma de 5 ou 10 mm e a un tamaño de 50x70 centímetros.

Carmen Basadre subliñou os aspectos obrigatorios a figurar nos carteis: Lugo, San Froilán 2016, Festa de Interese Turístico Galego e Fiesta de Interés Turístico Nacional, así como as datas de celebración, do 4 ao 12 de outubro, e a imaxe corporativa do Concello. 

Os traballos serán presentados de forma anónima, con lema, acompañadando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos persoais do participante. Se presentan o cartel dixitalmente, estes datos virán nun documento á parte.