O Mirador do Ézaro, Betanzos e San Andrés de Teixido etapas coruñesas de La Vuelta 2016

A sede da Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presentación das dúas etapas de La Vuelta 2016 que discorrerán por terras coruñesas e que buscan ofrecer aos espectadores "épica e estética", segundo explicou o responsable da organización deste evento deportivo.

O acto contou coa asistencia do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado responsable da área de Deportes, José García Liñares, o deputado de Vías e Obras e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, e o director de La Vuelta, Javier Guillén.

González Formoso subliñou a "aposta polo deporte" da institución provincial e destacou que La Vuelta "terá un retorno económico importante para a provincia", ademais de supor "unha repercusión promocional a nivel mundial" dos concellos polos que pasa, pois a sinal de televisión é seguida en directo por 190 países durante 3 horas en cada etapa.

O presidente provincial subliñou que a organización de La Vuelta ten xa efectuadas 5.000 reservas de hotel na provincia para os días 22 e 23 de agosto, nos que máis de 2.500 persoas en 500 vehículos acompañarán aos ciclistas nun percorrido que terá como puntos clave o mirador do Ézaro (Dumbría), onde rematará a etapa do luns 22 de agosto; Betanzos e San Andrés de Teixido, saída e meta respectivamente da cuarta etapa que terá lugar o martes 23 de agosto.

González Formoso explicou ademáis que produtos gastronómicos e artesanais da provincia promocionaranse nos finais de cada etapa de La Vuelta co obxectivo de "ensinar en todo o territorio nacional o que é capaz de facer Galicia".

Pola súa banda, o director de La Vuelta, Javier Guillén, agradeceu o apoio da Deputación para dúas etapas "redondas" e "completas", que serán "dos referentes de La Vuelta 2016".

Guillén destacou as dúas chegadas en alto das etapas coruñesas e afirmou que "en España y en el mundo lo que gusta del ciclismo es la montaña". Tamén agredeceu o gran apoio do público coruñés en cada edición da Vuelta que pasa pola provincia.