Nova ordenación dos establecementos hostaleiros

O Consello da Xunta aprobou o proxecto de decreto polo que se establece a nova ordenación dos establecementos hoteleiros. A novidade do decreto é a introdución dun sistema de clasificación novo que permite ter en conta, por unha parte, as infraestruturas e o cumprimento duns mínimos obrigatorios para todos os establecementos da mesma categoría e, por outra parte, os servizos prestados polos establecementos, ofrecidos á libre elección dos titulares dos mesmos.

Así, neste novo sistema de clasificación valóranse, por puntos, tanto a importancia da percepción da calidade que teñen as persoas consumidoras e usuarias, coma os requisitos mínimos que se teñan que cumprir en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, adecuados aos estándares xerais do sector e á posibilidade de mellorar a súa competitividade, mediante un sistema flexible da clasificación cun espazo que permita a innovación empresarial no noso territorio.

Deste xeito, introdúcense criterios de servizos de cariz prestacional, mobiliario e equipamentos dos cuartos, acceso aos servizos complementarios, servizos de restauración, servizos de telecomunicacións, entre outros. 

No que respecta á clasificación dos establecementos hoteleiros, o novo decreto divideos en dous grupos: hoteis e pensións. Os establecementos do grupo de hoteis clasifícanse, pola súa vez, en hoteis, hoteis apartamentos, moteis e, nas novas categorías, hoteis balneario e hoteis talaso.

Ademais, con independencia da súa modalidade, os hoteis estarán identificados por estrelas, exceptuando os moteis, que se clasifican nunha única categoría e deben cumprir, como mínimo, as condicións que lles correspondería á categoría de hotel de dúas estrelas. As categorías de unha, dúas, tres, catro e cinco estrelas poderán ter, ademais, a cualificación de superior.

Pola súa parte, nos establecementos do grupo pensións, estes clasifícanse en tres categorías tamén identificadas por estrelas. No que respecta a denominación de hostal, poderana utilizar aquelas pensións de tres e dúas estrelas que cumpran os requisitos establecidos no decreto.

Así mesmo, a regulación recolle a autorización por parte de Turismo de Galicia da concesión da denominación pousada, supeditándoa á concorrencia dunha serie de condicións, entre elas, a de tratarse dun hotel clasificado, como mínimo, na categoría de dúas estrelas superior.