IXP Pan Galego, selo de calidade en fase de tramitación

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, enxalzou a riqueza do pan galego como un dos produtos agroalimentarios de referencia da nosa comunidade. Fíxoo no marco da XIV Festa do Pan de Carral, que se ccelebrou esta pasada fin de semana neste concello coruñés, onde salientou o labor que está a desenvolver a Xunta, da man do sector, para impulsar a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego, actualmente en tramitación.

A creación deste selo de calidade diferenciada é unha vella demanda do sector panadeiro da nosa comunidade, para poñer en valor este produto elaborado de xeito artesanal e coas máximas garantías. No caso concreto de Carral, contémplase a posibilidade de identificar o pan desta localidade dentro da IXP, como unha subzona específica.

O pan galego –segundo recolle o prego de condicións da IXP– é aquel que ten codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte procede de trigos cultivados na comunidade autónoma de Galicia pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos (os comunmente denominados “Trigo país” ou “Trigo galego”). 

A elaboración deste produto caracterízase pola utilización de masa nai e unha elevada cantidade de auga así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.