Inaugurada a Exposición “Galicia, Casa dos Peregrinos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou a Exposición “Galicia, Casa dos Peregrinos”, acompañada polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño. A iniciativa forma parte da programación especial de actividades que está en marcha con motivo do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia e pode ser visitada no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, ata o vindeiro 29 de xuño.

A exposición afonda na restauración do patrimonio cultural, a celebración de eventos como os Anos Santos ou os anos de especial interese e o traballo realizado en colaboración coas numerosas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, espalladas por todo o mundo. Tamén aborda aspectos da colaboración con outros itinerarios culturais de Europa como o Kumano kodo ou o Camiño de Shikoku.

A directora de Turismo lembrou que a celebración do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia é un fito histórico para o Camiño de Santiago e para a Comunidade galega xa que, por primeira vez, se abriu a Porta Santa da Catedral nun ano que non era Ano Santo. Neste sentido, Nava Castro apostou por esta celebración para acadar un impacto positivo na actividade económica de Santiago de Compostela e de Galicia.