Galicia crea a primeira Rede de parques naturais

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, tras a reunión do Consello da Xunta, a creación da primeira Rede de parques naturais de Galicia que permitirá unha xestión compartida e coordinada destes espazos, ademais de facilitar e garantir a conservación e o coñecemento da riqueza natural do territorio.

Feijóo precisou que a Rede de parques naturais será, a partir de agora, o instrumento baixo o cal se coordinará a xestión de todos os parques galegos; “coordinado e impulsado de xeito conxunto non só co Parque Nacional das Illas Atlánticas, senón tamén con outros espazos que pertenzan a diferentes figuras de protección”, aseverou.

Cómpre salientar que na actualidade Galicia conta con máis dun 12% do seu territorio ocupado por espazos naturais protexidos con algunha figura de protección. Por tanto, nesta Rede vanse incluír os seis parques naturais (Baixa Limia- Serra do Xurés, Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Fragas do Eume, Monte Aloia, O Invernadeiro e Serra de Enciña da Lastra); o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas; así como os monumentos naturais (Praia das Catedrais, Carballa da Rocha, Costa de Dexo, Fraga de Catasós, Serra de Pena Corneira, Souto da Retorta, Souto de Rozabales, Pregamento Xeolóxico de Campodola – Leixazós); as cinco zonas húmidas protexidas (Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo, Complexo intermareal Umia- O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira, Lagoa e areal de Valdoviño, Ría de Ortigueira e Ladrido, Ría de Ribadeo); as paisaxes protexidas e as zonas de especial protección dos valores naturais.