Cruceiros Costeiros de Galicia, oferta turística marítimo terrestre


Ribeira acolleu a viaxe inagural do Cruceiro Costeiro Nea “Illas Atlánticas e vilas mariñeiras”, nun acto que xunto co alcalde da vila, Manuel Ruiz Rivas, contou coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana, o presidente de Portos de Galicia José Juan Durán, e a directora de Turismo de Galicia.

Estes cruceiros están destinados a potenciar o turismo nas pequenas vilas mariñeiras, dando a coñecer a historia e a gastronomía local. Galicia, con 1.659 km de costa e 16 rías que asentan as condicións idóneas para o posicionamento de Galicia como destino náutico internacional.

Estes paquetes turísticos están a disposición das axencias de viaxe e os interesados nestes cruceiros poderán escoller o denominado Illas Atlánticas e vilas mariñeiras con tres opcións a elexir. Unha de dous días, outra dun día e o paquete completo de 6 días que incluiría as tres rías (Pontevedra, Arousa e Vigo) con aloxamentos e comidas e ceas con produtos de Denominacións de Orixe e mariscos e peixes locais. Este cruceiro inclúe visitas a lugares como Bueu, onde se poderá coñecer o Museo Massó, e a concellos como Boiro, Combarro, Ribeira, Cambados, Vilanova de Arousa, Pontevedra, Sanxenxo, as Illas Cíes, Baiona e Vigo, entre outros lugares. 

Outro itinerario que se enmarca nesta oferta é Tesouros das rías de Galicia, que dura tres días e ofrece opción de viaxe en barco ferri-catamarán pasando a noite en hotel, navegación en vela nun iate ou veleiro. Nesta opción o primeiro día de navegación é pola ría de Vigo, con escalas en Rande e en Baiona. O segundo día inclúe destino á ría de Pontevedra con escala nas Illas Cíes e escala en Pedras Negras ou Sanxenxo. Tamén ruta terrestre por Pedras Negras e/ou Sanxenxo e por Ribadumia. Por último, a terceira xornada inclúe escala en Boiro e en Vilanova de Arousa e visita a Vilagarcía de Arousa. Os interesados poderán obter máis información na páxina web http://www.nauticdestination.com.