Achega de 200.000 prara promocionar a Ribeira Sacra

Turismo de Galicia achegará 200.000 euros para a promoción turística da Ribeira Sacra como destino de interior. Así se recolle nun convenio de colaboración asinado entre a directora do organismo autonómico, Nava Castro, e o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández. 

O convenio, que estende a súa vixencia ata 2017, beneficiará aos 21 concellos que conforman a Ribeira Sacra: os municipios lucenses da Pobra do Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Taboada; e as entidades locais ourensás da Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil e Xunqueira de Espadanedo.

Co acordo asinado, a Xunta de Galicia e o Consorcio traballarán para mellorar os soportes de información, incrementar as accións de promoción e aumentar a oferta turística da Ribeira Sacra. Deste xeito, deseñaranse novos materiais informativos e planos turísticos da Ribeira Sacra e incrementarase a oferta dispoñible poñendo en marcha novos produtos como as “Rutas do Románico”, consistentes en visitas organizadas a mosteiros, igrexas e capelas, posibilitando o acceso do visitante ás mesmas e co valor engadido das explicacións especializadas dun guía oficial.

Ademais, levarase a cabo a “Party Ribeira Sacra”, un xogo dirixido a sensibilizar escolares sobre a rexión; a actividade “Pasaporte ás nubes”, unha acción de fidelización de viaxeiros co sorteo de viaxes en globo aerostático para contemplar as paisaxes da Ribeira Sacra; e a programación da “Caída da Folla”, consistente en actividades como talleres de fotografía ou recorridos paisaxísticos pola zona durante o outono, época do ano na cal a Ribeira Sacra presenta gran beleza pola policromía da súa vexetación. 

O convenio tamén poñerá en valor o enoturismo e a viticultura na rexión continuando con iniciativas como a do “Viñobús”. Así mesmo, para recuperar espazos públicos degradados, incrementaranse os murais exteriores de arte urbana. Tamén se estudará a organización dun festival de sendeirismo.