Vinte millóns para a gandaría extensiva en zonas con limitacións naturais

Para favorecer o pastoreo e a gandaría extensiva en zonas con limitacións naturais, a Xunta destina un total de 20 millóns de euros. Así o manifestou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante a visita realizadaunha explotación bovina de raza cachena en Entrimo (Ourense).

Estas achegas están enmarcadas no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia e veñen a substituír as coñecidas como indemnizacións compensatorias. A novidade principal deste ano, salientou a titular de Medio Rural, é que non hai carga gandeira máxima que as condicione, o cal permitirá acceder a elas a moitas explotacións que antes non podían, por ter unha carga gandeira superior a 2 UGM/ha, especialmente do sector lácteo.

Ángeles Vázquez destacou que estas axudas teñen un destacado importe por hectárea, xa que con elas se pretende indemnizar aos agricultores e gandeiros que viven en determinadas zonas desfavorecidas para compensar os factores naturais que inciden negativamente no rendemento das súas explotacións. Este ano a contía total incrementouse nun 80%, pasando dos 11,1 millóns de euros dos últimos anos aos 20 desta convocatoria. 

Esta aposta pola gandaría extensiva en zonas de alta montaña é un exemplo de que o Goberno galego está ao carón do sector agrogandeiro, porque segue a ser unha fonte de riqueza e emprego clave na nosa economía, ademais de ser un claro reflexo da nosa cultura e historia. Neste senso, Ángeles Vázquez felicitou aos gandeiros e agricultores que seguen adiante con estas explotacións, como é o caso da explotación hoxe visitada e que, precisamente, foi beneficiaria destas axudas.