Buscar/Hemeroteca

viernes, 15 de abril de 2016

Turismo de Galicia presenta a oferta galega en Milán

Turismo de Galicia presenta esta semana a oferta turística da Comunidade galega no Norte de Italia, a través do evento organizado pola Oficina de Turismo de España en Milán, La Spagna a Torino, onde os operadores máis importantes desta rexión terán a oportunidade de achegarse aos produtos e servizos turísticos de Galicia, ademais do público xeral.

Turín acolle este certame ata o vindeiro domingo 17 de abril e Turismo de Galicia xa tuvo a oportunidade de reunirse cos responsables das principais axencias de viaxes do Norte de Italia nun obradoiro de traballo organizado no Hotel NH Collection Piazza Carlina.

Por outra parte, o departamento de Turismo da Xunta conta cun espazo para difundir os valores turísticos de Galicia entre os turineses na contorna da Piazza de San Carlo, unha da prazas máis emblemáticas desta cidade italiana, onde ademais de ofrecer información turística, os visitantes terán a oportunidade de participar en degustacións de produtos gastronómicos galegos.

A promoción de Galicia no Norte de Italia complétase estes días cunha exposición fotográfica sobre o Camiño de Santiago, situada na Biblioteca da Universidade de Turín. As imaxes foron tomadas por Tommaso Pini, un peregrino italiano que foi fotografando distintos aspectos do Camiño na súa andaina ata Compostela. Así, a mostra consta de 70 fotografías, das que 50 son retratos e 20 paisaxes.

Ademais, todas as fotografías están catalogadas con códigos QR que permiten acceder a un blog no que se detalla a historia de cada imaxe. Logo de Turín, a exposición viaxará a Milán e a Bolonia entre a primavera e o verán.



No hay comentarios: