Tratamento contra a excoriose nos viñedos en canto rematen as precipitacións

Unha vez cesen as precipitacións, baseándose nas previsións meteorolóxicas previstas para esta semana, a Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, recoménda revisar a viña e renovar a intervención en canto cesen, posto que a humidade é especialmente favorable para este fungo. 

A Estación de Arreiro ven de publicar este aviso fitosanitario no que recomenda renovar o tratamento contra a excoriose nos viñedos en "estado fenolóxico D" -viñedos con follas incipientes-. O aviso tamén inclúe recomendacións sobre o pedroulo e outros curculiónidos, un tipo de coleóptero que non adoita afectar moito aos viñedos da provincia de Pontevedra pero que puntualmente pode ser moi nocivo. 

Sobre o pedroulo os técnicos recomendan revisar as viñas que xa teñan historial de problemas con este coleóptero, viñas afectadas nos últimos anos, e se se detecta a súa presenza será necesaria a súa eliminación mecánica.

O aviso tamén inclúe unha recomendación relacionada co ácaro do botón floral en camelias, indicando que é agora o momento idóneo para aplicar un tratamento fronte a este ácaro que está iniciando a súa actividade na maioría de especies e cultivares de camelia. Cita como materias activas rexistradas fronte a ácaros en camelia a abamectina, o aceite de colza máis piretrinas, o aceite de parafina, o xofre e o oxamilo.