"Territorio expandido”, encontro da fotografía galega, brasileira e portuguesa na Coruña

"Territorio expandido" é o título dunha exposición de fotografía galega, brasileira e portuguesa que converterá a Dársena da Coruña nunha sala ao ar libre mais é moito máis, un proxecto de encontro que tende pontes entre as tres culturas. Entre outras iniciativas, inclúe un programa de obradoiros para os que xa está aberto o prazo de inscrición.

Obradoiros, palestras, encontros e unha gran exposición ao ar libre son as principais accións do proxecto "Territorio Expandido", promovido pola área de Cultura Deputación da Coruña da que é responsábel a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín. Trátase dun encontro a través da imaxe das culturas galega, brasileira e portuguesa que bota a andar de cara aos vindeiros 22, 23 e 24 en que se desenvolverán os actos principais da proposta. Na mostra participarán 27 fotógrafos e fotógrafas procedentes da Galiza, do Brasil e de Portugal.

De inicio, está aberta xa a inscrición para os tres obradoiros fotográficos que terán lugar os días 23 e 24 na Coruña. "Street Photography. Fotografar a paisaxe social" por José Romay (Galiza) "Projecto fotográfico: O arranjo das coisas: memória, fotografias, paisagens e lugares" por Paulo Catrica (Portugal) e "Fotografía Ácción: Documentário imaginário" por Fernanda Oliveira (Brasil) son as tres propostas didácticas e participativas de "Territorio expandido", unha iniciativa que está ao coidado do curador da Sección Oficial do Outono Fotográfico, Vítor Nieves, da directora do festival Encontros de Fortaleza, Patrícia Veloso e da directora artística do festival Encontros da Imagen de Braga, Ângela Ferreira.

Máis información, ficha de inscrición e programa no web: http://territorioexpandido.com/