Sanxenxo, concello SICTED

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no acto de entrega do distintivo SICTED ao Concello de Sanxenxo. O proxecto SICTED baséase na conciencia integral do destino e na identificación de obxectivos comúns dos axentes implicados, perseguindo un nivel de calidade homoxéneo nos servizos ofrecidos ao turista que nos visita.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia felicitou ao Concello de Sanxenxo pola súa aposta pola calidade destacando que o distintivo SICTED, por un lado, certifica o gran esforzo desenvolvido polos seu axentes turísticos a prol da optimización do servizo que prestan e, por outro, acredita unha xestión solvente.

A responsable de Turismo da Xunta sinalou que Sanxenxo é un dos destinos de interese turístico da nosa comunidade autónoma grazas aos seus atractivos unidos á gran oferta de aloxamento e restauración caracterizados por ofrecer un servizo de calidade.

Neste senso, Nava Castro resaltou que a calidade deste municipio galego está recoñecida, ademais de polo distintivo SICTED, polas numerosas empresas e servizos  certificados coa Q de Calidade Turística, e as súas praias e portos galardoados coa Bandeira Azul.