Ribeira do Ulla, un centenar de viticultores

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, pregoerira da XXXVI edición da Exaltación do Viño da Ulla de Vedra, enxalzou o traballo dos produtores e adegueiros desta zona que fan da festa un referente anual neste concello coruñés. Neste senso, agradeceu o traballo desta xente por seren “os artífices dos grandes éxitos que están acadando os noso viños no panorama nacional e internacional”.

A conselleira salientou as características diferenciadas e con gran complexidade de aromas que identifican aos viños desta zona, destacando a súa aportación ao conxunto da Denominación de Orixe Rías Baixas. Ángeles Vázquez fixo fincapé no logro acadado no ano 2000, convertendo esta subzona na única produtora de viño de calidade que pertence á provincia da Coruña.

Durante os actos de celebración desta festa, a titular de Medio Rural tamén foi nomeada integrante da “Orde dos Amigos e Amigas da Bota do Viño do Ulla” e, acto seguido, participou na inauguración dunha nova edición de Feiravedra, a mostra da industria, agricultura, artesanía e turismo de Vedra. Alí salientou a importancia deste tipo de certames como forma para dar a coñecer as potencialidades e a excepcional calidade dos produtos elaborados nesta zona, onde tamén tivo palabras para o outro “produto estrela” de Vedra, xa que grazas á camelia “os nosos xardíns embelecen en outono e inverno”.

A subzona Ribeira do Ulla conta con preto dun centenar de viticultores que producen en torno aos 800.000 quilos de uva, con preto de 700.000 litros de viño certificado e un valor económico anual estimado de máis de 3 millóns de euros.