Presentación da imaxe gráfica do XIII Festival de Cans

Onte presentóuse a imaxe gráfica e as camisetas do XIII Festival de Cans na tenda do Rei Zentolo en Santiago de Compostela. 

Pablo Rodríguez, deseñador de Rei Zentolo e creador da imaxe, quixo destacar o elemento principal desta edición número 13: a ristra de allos como antídoto “para escorrentar todo tipo de meigallo que caiga sobre o festival”. Ademais, conta cunha ilustración de fondo que completa esta iconografía con mouchos, ferraduras, figas, morcegos e outros motivos semellantes. Así mesmo, o festival quixo renderlle unha homenaxe á señora Alicia, a súa colaboradora máis popular e de maior idade, dedicándolle a camiseta de edición especial deste ano.

Federico Pérez, copresentador da Noite das Homenaxes xunto a Keka Losada, amosou a súa ilusión e compromiso co festival aclarando que “a Cans hai que ir ofrecido. Estase cambiando ir a San Andrés de Teixido por ir ao Festival de Cans”.

O festival acollerá a estrea de Psiconautas, unha longametraxe de animación pero pensada para o público adulto, dirixida por Alberto Vázquez e Pedro Rivero e que estivo no pasado Festival de San Sebastián. Este filme é a culminación do camiño que Alberto Vázquez iniciou coa curtametraxe “Birdboy”, coa que gañou en Cans en 2011, un Goya en 2012 e estivo preseleccionado para a correspondente categoría dos Óscar. 

Como broche final da presentación, o festival fixo pública a súa canción oficial, unha versión de De Vacas do mítico tema “A Vannes” da cantante gala Françoise Hardy, que no seu momento versioneara tamén Carlos Berlanga cunha adaptación dedicada ao curmán francés de Cans, o festival de Cannes. Soou en directo na presentación e volverá facelo no concerto que De Vacas dará o día 21 de maio no festival, dentro do programa do Cans Voulevar.

Alfonso Pato, o director do festival, adiantou que os primeiros packs de entradas estarán á venta na tenda virtual do festival a partir do próximo luns 18. A organización ampliará a información nos próximos días a través da súa páxina web e redes sociais.