Ourense pedalea a fondo nos preparativos de La Vuelta

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao director xeral de “Vuelta a España”, Javier Guillén, con quen analizou os preparativos que se están levando a cabo por parte da organización da “Vuelta a España” 2016 para a disputa das catro etapas que discorrerán pola provincia de Ourense. En concreto, un dos temas que trataron foi o encontro que está previsto celebrar na provincia de Ourense a principios do vindeiro mes de maio cos medios de comunicación ourensáns que van cubrir informativamente esta proba ciclista internacional, co fin de darlles a coñecer tanto os aspectos deportivos como os referidos á repercusión económica e social que terá a 71ª edición da “Vuelta a España”.
A “Vuelta a España” é un evento que xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia configuran as carreiras ciclistas máis importantes do mundo, sendo seguida por máis de 150 países e do que a organización estima que terá un retorno económico mínimo de 1,7 millóns de euros para a provincia de Ourense.

A presentación de equipos terá lugar en Arnoia, sendo a primeira etapa unha crono entre Laias (Cenlle) e o Parque Náutico de Castrelo de Miño. A segunda etapa terá a súa saída na cidade de Ourense, a sexta etapa terá como meta a localidade de Luintra, e a sétima etapa sairá de Maceda. 

Catro etapas nas que Ourense se amosará ao mundo o vindeiro mes de agosto, co importante impacto mediático e promocional que elo supón nos máis de mil millóns de espectadores que se estima seguen a través dos medios de comunicación unha das probas ciclistas máis importantes do mundo.