Os tres Bens Mundiais de Lugo, na nova guía turística do Eixo Atlántico

Os tres Bens Mundiais cos que conta Lugo, a Muralla Romana, a Catedral e o Camiño Primitivo, xunto ás Termas Romanas, o Museo Provincial e as Vías XIX e XX, estarán presentes na nova guía turística promocional, de caracter histórico, das cidades do Eixo Atlántico. Así o anunciou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen asistiu á xuntanza do Grupo Temático de Turismo do Eixo, que se reuniu no Palácio do Centro Cultural Vila Flor, na localidade lusa de Guimarães. 
Termas de Lugo

Carmen Basadre destacou o valor da distribución desta guía, tanto en territorio portugués como en Galicia, para impulsar o turismo de proximidade. Neste senso, a edil quixo lembrar que o 8% dos visitantes foráneos que recibiu o pasado ano a Oficina Municipal de Turismo eran portugueses, e o 19%, da propia comunidade galega, uns 6.500. Para a Concelleira, o reparto desta guía supón unha oportunidade importante para seguir consolidando a Lugo como destino turístico. 

Repartiranse 55.000 exemplares destas guías, dispoñibles en español e portugués coa prensa local e rexional de Galicia e Portugal. Ademais, distribuiranse 7.000 exemplares en inglés nos tres aeroportos galegos. Estas guías tamén se poderán conseguir en formato e-book sin custo ningún en calquera dos tres idiomas. Ademais, elaboraranse carteis, que estarán colocados nas oficinas de turismo, con códigos QR.