Buscar/Hemeroteca

viernes, 15 de abril de 2016

Os Cruceiros Costeiros de Galicia xa son unha realidade

A iniciativa Cruceiros Costeiros de Galicia, unha oferta turística, promovida polas entidades membros da Rede Nea de Galicia, Portos de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia contribuirá a incrementar a presenza de propios e alleos nas rías galegas e ao fortalecemento e dinamización das poboacións costeiras. 

Na viaxe inaugural, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou que estes itinerarios “servirán de panca de movemento e complementarán o papel que xoga a pesca aproveitando os portos, tanto os da Comunidade Autónoma como os de interese xeral do Estado, facendo combinación de estratexias e sinerxías”. 

Estes paquetes turísticos están a disposición das axencias de viaxe e os interesados nestes cruceiros poderán escoller o denominado Tesouros das rías de Galicia, que dura tres días e ofrece opción de viaxe en barco ferri-catamarán pasando a noite en hotel, navegación en vela nun iate ou veleiro. Nesta opción o primeiro día de navegación é pola ría de Vigo, con escalas en Rande e en Baiona. O segundo día inclúe destino á ría de Pontevedra con escala nas Illas Cíes e escala en Pedras Negras ou Sanxenxo. Tamén ruta terrestre por Pedras Negras e/ou Sanxenxo e por Ribadumia. Por último, a terceira xornada inclúe escala en Boiro e en Vilanova de Arousa e visita a Vilagarcía de Arousa.

O outro cruceiro é o das Illas Atlánticas e vilas mariñeiras con tres opcións a elexir. Unha de dous días, outra dun día e o paquete completo de 6 días que incluiría as tres rías (Pontevedra, Arousa e Vigo) con aloxamentos e comidas e ceas con produtos de Denominacións de Orixe e mariscos e peixes locais. Os interesados poderán obter máis información na páxina web http://www.nauticdestination.com


No hay comentarios: