O Plan de Acción da Pesca Costeira Artesanal de Galicia chega a Bruxelas

Unha das principais apostas para o futuro do sector pesqueiro é o Plan de Acción da Pesca Costeira Artesanal de Galicia, que porá en marcha este ano a Consellería do Mar, e que contempla cinco medidas fundamentais. Unha delas é a de priorizar a esta frota para o acceso aos 158 millóns de euros do Eixe do FEMP de Fomento da Pesca Responsable. Así o destacou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que participou en Bruxelas na xornada Galicia cara ao 2020 cun relatorio sobre o pasado, presente e futuro do sector marítimo-pesqueiro en Galicia. 

Outra das medidas que explicou a conselleira é un plan de emprego e formación para fomentar a incorporación de mozos e mozas ao eido pesqueiro e marisqueiro que conta cun apoio de 6,3 millóns de euros. 

A terceira medida é a da promoción das instalacións de produción de semente a través de fondos procedentes do eixe da acuicultura do FEMP. As outras dúas medidas enmárcanse no eido económico, onde o plan propón plans de mellora da comercialización dos produtos do marisqueo atendendo a recursos como o ourizo, o percebe ou a navalla. Tamén busca avanzar na identificación e distinción dos produtos dando un impulso ás marcas de calidade como pescadeRías e ás denominacións de orixe.