O Museo de Pontevedra supera as 1.000 visitas a "Castelao artista" na primeira fin de semana

Na xornada inaugural da exposición "Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920)" achegáronse preto de 500 persoas, converténdose na mostra con máis afluencia de público no día da súa apertura nos últimos seis meses. 

A celebración do Días das Artes Galegas por parte da RAGBA no Sexto Edificio, previo á inauguración da exposición, tamén contribuíu a incrementar o atractivo da cita, o que, en palabras do deputado de Cultura e Lingua, Xosé leal, "converteu o Museo de Pontevedra no centro cultural da xornada e na sede dunha cita histórica con Castelao e a arte como protagonistas". 

O interese do público nesta exposición quedou patente en que, no conxunto da fin de semana, contabilizou un total de 1.084 visitas, ao que hai que sumar que se esgotaron todas as prazas ofertadas para os obradoiros que se realizarán nos vindeiros sábados do mes de abril -concretamente o 9, 16 e 23-. Trátase de tres obradoiros de gravado baseado na obra do propio Castelao, para achegarlles tanto aos cativos e cativas coma aos adultos participantes a faceta deste artista como gravador. Son tres obradoiros divididos en senllos grupos de idade: os cativos e cativas de 7 e 8 anos realizarán o obradoiro o día 9; os de 9 e 10 anos, o día 16; e a partir de 11 anos e adultos, o 23 de abril. Os obradoiros serán impartidos por Manuel Caldeiro, do grupo En Volandas, e terán unha duración de dúas horas por xornada, entre as 11:00 e as 13:00 horas. 

Leal sinalou que "o atractivo desta mostra radica en que estamos a amosar a faceta máis descoñecida dunha figura capital na arte e na cultura deste país, o que esperamos que siga atraendo visitas a este Museo e o sitúe no itinerario dos centros artísticos máis destacados do momento". O deputado de Cultura e Lingua volveu salientar a importancia de traballar sempre con criterios técnicos e puxo en valor, unha vez máis, "o bo traballo do equipo do Museo de Pontevedra para ofertar unha programación de calidade, baixo criterios profesionais, e que trata de implicar, na medida do posible, a todo tipo de público e intereses artísticos".

Ao igual que en todas as exposicións programadas polo Museo, "Castelao artista" tamén contará cun ciclo de conferencias complementarias que comezará o mércores da vindeira semana, 13 de abril. A primeira das conferencias correrá a cargo da profesora da Facultade de Belas Artes Susana Cendán e levará por título "Castelao: a construción dunha identidade icónica". A través desta charla abordarase a autopercepción de Castelao como artista e a construción da súa imaxe como pintor, unha idea moi presente na propia exposición e practicamente da que parte toda a tese expositiva da mostra. Susana Cendán enmarcará academicamente a construción da imaxe de Castelao no ámbito do dandismo de finais do século XIX e comezos do XX e no contexto social da Galiza daquel tempo.