O Craega vai en alta velocidade

A Agricultura Ecolóxica está en auxe, pois o pasado ano creceu en Galicia un 13% o número de inscritos nos rexistros do Craega, chegándose ás 721 persoas, das cales 558 son produtores agrarios e 163 elaboradores e comercializadores. En 2014 estas cifras estaban en 638 operadores dos que 528 eran produtores e 110 elaboradores. A estas cifras habería que sumar 46 acuicultores en 2015.

Tamén a superficie dedicada á agricultura ecolóxica medra en 5.073,4 hectáreas. Pasa de 15.233 no 2014 a 20.306,36 no pasado exercicio, o que supón un aumento do 33,3%. A provincia máis destacada é Lugo con 9.652,42ha e un crecemento do 36,1%, seguida de Ourense con 8.091,51ha e un incremento do 34,5%. Respecto ao tipo de produción Pontevedra destaca en acuicultura mentres Lugo en produción vexetal e animal con 121 operadores e 146 explotacións, respectivamente. 

Así o destacou a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, na presentación do balance 2015 do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), ao tempo que suliñou a boa marcha deste sector que supón unha alternativa máis de desenvolvemento para o rural. De feito, o crecemento do volume de ventas certificadas en ecolóxico alcanzou o 6,76%, chegando aos 33,3 millóns de euros en 2015. “Son datos alentadores que demostran a importancia económica deste sector”, sinalou Vázquez, deixando claro que “Medio Rural aposta polo ecolóxico e así se pon de manifesto no incremento do 20% das axudas aos consellos reguladores”. 

Segundo o tipo de produción, o que máis peso ten en canto a volume de negocio é o leite con moita diferenza. O ano pasado superáronse os 9,9 millóns de euros neste ámbito, o que se traduce nunha subida do 4,6%. Séguenlle as carnes e derivados con 4,1 millóns e un crecemento do 8,6% respecto ao exercicio anterior e as conservas de pescado, tamén cun volume de negocio de 4,1 millóns e un aumento do 13%.