O centro Príncipe Felipe como illa ecobiolóxica

O asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, mantivo un encontro formativo con 50 alumnos e alumnas e profesorado do ciclo de cociña do Carlos Oroza para transmitirlles as instrucións concretas para realizar correctamente a reciclaxe destinada a compost. 

Pérez explicoulles que "a idea é converter o Centro Príncipe Felipe nunha illa ecobiolóxica, de xeito que non saia lixo deste recinto que non sexa reciclado vía compostaxe ou, cando menos, separado". O proxecto inclúe pechar un percorrido en círculo que se inicia nos restos orgánicos do comedor e que, tras un proceso de compostaxe que servirá de abono nunha horta anexa, remata na cociña do Carlos Oroza.

A experiencia baséase en "que non haxa que mover o lixo" explicou o asesor provincial. Así, os restos orgánicos pasan por un tubo desde o comedor do primeiro piso directamente ao biodixestor. Para realizar o compost usaranse virutas e serríns procedentes do taller de carpintería da zona -ata o de agora estábase pagando pola retirada destes residuos-. O compost resultante servirá de abono para unha pequena horta ecolóxica que se plantará no centro co obxecto de usar os produtos cultivados na mesma como materia prima de calidade no ciclo de cociña do Carlos Oroza. 

A previsión inicial é que unha vez ao mes se elaboren menús que conteñan os produtos hortícolas resultantes deste proxecto.

No encontro formativo desta mañá, Carlos Pérez explicoulle ao alumnado pormenorizadamente as precaucións que se deben tomar para realizar correctamente o proceso de reciclaxe vía compostaxe, e que se debe facer e que non, co obxecto de conseguir que este proxecto peche o círculo tal e como foi deseñado. O asesor provincial lembroulles que esta experiencia será un exemplo a pequena escala do plan de compostaxe que se está a promover desde a Deputación provincial.