Melindres e amendoados de Melide para unha maridaxe dos sentidos

A Asociación da Repostería Tradicional de Melide (Melide Terra Doce) e o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e os Licores Tradicionais de Galicia ofreceron unha sesión de Maridaxe dos Sentidos. Unha trintena de persoas acudiron a esta cita que se desenvolveu na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela e na que se puido comprobar o potencial das Augardentes e os Licores de Galicia na coctelería e a súa excelente combinación cos melindres, ricos e amendoados melidenses. 

A sesión, á que tamén acudiu o presidente do Consello Regulador, José Antonio Feijóo, desenvolveuse baixo as explicacións do presidente de Melide Terra Doce, Alberto Rodríguez; da integrante do panel de cata do Consello Regulador e Embaixadora do Melindre, Sonia Otero; e do barman Ángel Camiña. Rodríguez centrouse en ofrecer detalles sobre a elaboración e sabores dos melindres, ricos e amendoados, mentras que Otero detallou as principais características das Augardentes e os Licores Tradicionais de Galicia, que se utilizaron para elaborar os cócteles. Camiña, pola súa banda, explicou e elaborou en directo as distintas propostas que se maridaron coa repostería melidense. 

Así, a primeira delas foi o cóctel chamado Ao calor do anoitecer¸ unha elaboración con Augardente de Galicia envellecida que se combinou con melindres. O segundo leva por nome Un té do mar e entre os seus ingredientes integrou a Augardente de Herbas para despois degustarse co amendoado. Rematou a degustación cun Licor café de chocolate e laranxa, un cóctel máis doce, co Licor Café de Galicia como principal ingrediente, para maridar co rico.