Buscar/Hemeroteca

jueves, 14 de abril de 2016

Melide achega os melindres a Santiago

A Asociación da Repostería Tradicional de Melide (Melide Terra Doce) celebra esta semana dúas xornadas de Maridaxe dos sentidos no Mercado de Abastos de Santiago de Compostela. Con estas accións, dase o pistoletazo de saída aos actos da XXV Festa do Melindre de Melide, que se celebrará os próximos 7 e 8 de maio.

A primeira das xornadas terá lugar o venres 15 de abril a partires das 12.00 horas na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos, baixo o epígrafe Maridaxe dos Sentidos. Repostaría Tradicional de Melide e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia na coctelería. 

Esta actividade conta cun total de 40 prazas. Os interesados participar nesta actividade deben remitir un e-mail coa confirmación de asistencia a festadomelindre@gmail.com ou chamar ao teléfono 636 193 575. 

Dende o Consello Regulador, que colabora nesta iniciativa, ofreceranse detalles -da man da integrante do panel de cata e embaixadora do Melindre, Sonia Otero- sobre os produtos amparados e utilizados nos distintos cócteis. Mentras, o barman Ángel Camiña, do Casino La Toja, elaborará ante todos os asistentes as distintas propostas para maridar cos produtos da repostería tradicional de Melide.

A segunda das xornadas organizadas pola Asociación da Repostería Tradicional de Melide desenvolverase o sábado 16 de abril ás 11.30 horas na praza central do Mercado de Abastos compostelán. Co título Maridaxe dos Sentidos. Degusta a Repostaría Tradicional de Melide, os produtores membros da Asociación Melide Terra Doce ofrecerán unha degustación popular gratuíta de melindres, ricos e amendoados.

No hay comentarios: