Buscar/Hemeroteca

lunes, 4 de abril de 2016

Galicia como referente culinario en Gourmets

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou na inauguración da XXX edición do Salón Internacional de Gourmets, que se celebra ata o vindeiro día 7 en Madrid, onde destacou que o prestixio dos produtos galegos de calidade consolidan a Galicia como referente culinario. 

Vázquez insistiu en que a marca Galicia é un bo reclamo a nivel alimentario, posto que está avalado polos nosos 31 selos de calidade e que fan da nosa Comunidade un escenario excelente para gozar de produtos de alta gama do agro, da pesca e da acuicultura.

A titular de Medio Rural visitou as 32 empresas galegas asistentes a este certame, considerado o evento máis importante de Europa de bebidas e alimentos delicatessen e no cal a Xunta fai un investimento de máis de 370.000 euros. Así, no pavillón mixto que ten a Xunta, de 522 metros cadrados, están presentes 12 empresas coexpositoras do sector agroalimentario e 20 dos sectores da pesca, acuicultura, conxelado, comercialización e conserva.

Ao longo destes tres días hai programadas diversas degustacións de produtos lácteos, cárnicos, ecolóxicos, viños e outros como a torta de Santiago ou croquetas de calidade. Un programa atractivo que se consolida coa oferta dos produtos do mar frescos, de acuicultura e en conserva. 

Os asistentes poderán gozar coas degustacións “Galicia: 31 Experiencias de Calidade”, onde se conxugan os sabores da terra e do mar a través da DOP Mexillón de Galicia e distintos produtos da marca pescadeRías. 

Ademais durante os días da feira, no espazo Taller de los sentidos, haberá diversos obradoiros da campaña “O sabor da aventura está no mar”, nos que 800 nenos e nenas de varios centros escolares realizarán actividades didácticas e prácticas, co fin de aumentar o seu coñecemento do peixe e os seus valores nutritivos dunha forma amena, sinxela e formativa e potenciar así o hábito de consumir produtos do mar.

No hay comentarios: