Escola de Turismo Itinerante moi xacobea

A Escola de Turismo Itinerante do Centro Superior de Hostalería de Galicia está a desenvolver nestes días o programa de formación no Camiño de Santiago co obxectivo de fomentar a accesibilidade á formación a todas as empresas ofrecendo unha formación a medida adaptada á realidade de cada negocio e a súa contorna.

Este programa específico para os establecementos do Camiño de Santiago ten por obxectivo mellorar o nivel de profesionalización do sector a través de cursos e xornadas enfocados á atención ao peregrino e a súa experiencia en Galicia.

Deste xeito, o programa repercutirá directamente na imaxe do sector e na calidade do destino Galicia, en xeral, e do Camiño de Santiago, en particular, o produto estrela de Galicia e a carta de presentación da nosa comunidade a nivel internacional. O programa inclúe un total de 25 xornadas de formación no Camiño Francés e no Camiño Fisterra-Muxía.


A Escola de Turismo Itinerante celebrou xa estes cursos formativos en Sarria e Melide, onde xeraron unha grande expectación ao contar con máis de trinta participantes. Este martes, 19 de abril, terán lugar as xornadas na cidade de Santiago, que xa suman máis de trinta inscritos. Nas xornadas trabállase cos albergues públicos e privados e aloxamentos do Camiño, así como con restaurantes para mellorar a atención, información e servizo ao peregrino, a xestión do departamento de recepción,  o impulso ás novas tecnoloxías e a posta en valor do Menú do Peregrino no Camiño.