Coutas pesqueiras a debate

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na presentación do libro, La puesta al día del sistema de Tacs y Cuotas ante la prohibición de los descartes, elaborado pola Cooperativa de Armadores de Vigo, ARVI. Unha publicación, dixo, que recolle unha proposta que coincide co que defende a Xunta, en canto a que é preciso “revisar o actual sistema de reparto de cotas pesqueiras e xestión dos recursos no marco da Política Pesqueira Común e impulsar un novo mecanismo de xestión para resolver a contradición provocada polo principio de Estabilidade Relativa, e que as cotas sobrantes se poidan ceder ou traspasar ás frotas que as necesitan”.

Neste sentido, a conselleira sinalou que a Xunta xa ten analizado xunto co Instituto Universitario de Estudios Europeos Salvador de Madariaga a fórmula que máis posibilidades de éxito pode ter ante a Unión Europea para dar unha solución a esta situación. Ademais lembrou que o vindeiro mes se celebrarán unhas xornadas co sector nas que, entre outros temas, se debaterá o camiño máis axeitado a seguir neste eido. 

Esta publicación é froito do estudo das 20 principais especies que teñen TACs e cotas durante o período 2008-2014 e conclúe que nesta etapa non foron utilizadas máis de un millón de toneladas asignadas aos Estados Membros, cun valor económico estimado superior aos 1.800 Millóns de euros.