Axudas a innovación en materia de promoción turística

Turismo de Galicia convoca unha nova liña de subvencións destinada á cooperación entre pequenos operadores turísticos para organizar procesos de traballo conxunto e compartir instalacións e recursos, así como para o desenvolvemento e a comercialización do turismo.

Segundo explicou a responsable de Turismo da Xunta, o obxectivo desta liña de axudas dotada de máis de 600 mil euros é fomentar a coordinación entre pequenos operadores económicos das áreas rurais para permitirlles adquirir en común unha escala económica da que carecen individualmente.

Os requisitos destas iniciativas é que a participación destes axentes estea vinculada a microempresas e que o proxecto teña unha orientación comercial. A directora de Turismo de Galicia sinalou que con estas subvencións prestarase apoio a aquelas actividades que poñan en valor e dinamicen economicamente as zonas rurais a través da oferta conxunta de dous ou máis operadores turísticos.

Así, os proxectos subvencionables consistirán no deseño, creación promoción e comercialización de produtos turísticos de Galicia e as actividades deberán ser realizadas no ámbito rural, é dicir, fora dos sete núcleos de poboación máis grandes da nosa comunidade: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago.

Os produtos turísticos obxecto das axudas terán que ter carácter innovador e deberán axustarse a algunha das seguintes liñas temáticas: produtos cabeceira de marca de Galicia, produtos destinados á creación de oferta de turismo familiar ou senior, produtos destinados á xeración dunha oferta distintiva que se acomode ao concepto “que facer en Galicia cando chove”, produtos ou rutas innovadoras e de descubrimento de novos nichos de mercado, produtos construídos baixo a idea da “cultura celta de Galicia” ou produtos baseados na creación de fins de semana, pontes ou outros períodos temporais de carácter temático.