As cidades Patrimonio da Humanidade promocionáronse no "Mundo Abreu" de Lisboa

Esta fin de semana celebróuse a XIV feira de turismo Mundo Abreu, unha das principais feiras do sector en Portugal, que se desenvolve no recinto da Feira Internacional de Lisboa.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade contou cun mostrador propio na caseta de Turespaña, dende o que unha técnica do Grupo ofreceu información sobre cada unha das 15 cidades e diferentes posibilidades de rutas ao público final e turoperadores, co fin de reforzar a comercialización e posicionamento destas cidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO no mercado portugués.

O encontro está organizado polo maior operador luso, Viagens Abreu, e presta unha especial atención á comercialización e venda directa ao cliente final do produto turístico, xa que conta cunha zona de reservas na que os visitantes poden contratar as súas próximas vacacións. 

Viagens Abreu foi fundada en 1840 e está considerada como a axencia de viaxes máis antiga do mundo. Trátase ademais da empresa de maior dimensión do sector turístico portugués, no que conta con ao redor de 130 establecementos repartidos por todo o país.

A campaña das Cidades do Grupo no mercado portugués continuará no mes de maio cunha presentación directa dos seus destinos a unha selección de turoperadores e medios de comunicación, que terá lugar en Lisboa en colaboración coa Oficina Española de Turismo na capital portuguesa e Paradores.