O Consello da Xunta aprobou o proxecto de decreto polo que se establece a ordenación dos albergues turísticos de Galicia. Este decreto ten por obxecto regulamentar os albergues turísticos como un dos tipos de establecementos en que se exerce a actividade turística de aloxamento, establecer os requisitos para a súa clasificación, así como o réxime para o exercicio de actividades e prestación de servizos
Esta nova regulación introduce como principal novidade unha nova clasificación para os albergues turísticos baseada en dúas categorías. O decreto substitúe a actual clasificación por estrelas e corresponden os dunha ou dúas estrelas á segunda categoría e os de tres estrelas á primeira categoría.
Outras das novidades deste novo decreto é o recoñecemento dunha categoría especial para os albergues de peregrinos do Camiño de Santiago. Estes albergues deberán cumprir os requisitos mínimos para os albergues turísticos de segunda categoría e estarán caracterizados por estaren situados nun área de 3 km en torno á Ruta
Xacobea, por seren xestionados por entidades sen ánimo de lucro e por reunir como elementos esenciais no desenvolvemento da súa actividade a función hospitalaria e a inexistencia do interese de facer negocio. A súa finalidade é a acollida dos peregrinos do Camiño de Santiago.