Alugueres clandestinos en Compostela

O Gremio de Hospedaxe de Compostela e Camiños de Santiago –entidade composta por empresarios de hospedaxe en todas as súas modalidades nas distintas rutas xacobeas en Galicia- advirten da necesidade de regular toda a oferta de hospedaxe no Camiños de Santiago, un nicho de mercado turístico no que tamén se están a detectar numerosas queixas por intrusismo en forma de alugueres non regulados nas diferentes rutas xacobeas.

Dende o Gremio recordan que é especialmente preocupante nos cascos históricos das cidades polas que pasa o Camiño, como é o caso de Santiago de Compostela, onde en marzo de 2015 había máis de 1.800 prazas en vivendas turísticas non reguladas, a maioría concentradas no casco histórico, segundo datos que manexa Exceltur. Trátase de algo moi dañino para o sector xa que, debido á súa alta concentración no casco histórico supoñen unha incidencia moito máis perxudicial para os establecementos legais que se estivesen repartidos.

En termos económicos, esta nova modalidade de aluguer fai que a contribución nos destinos sexa moi inferior ao resto de aloxamentos porque curiosamente o que se aforra alugando non se gasta máis no lugar de destino. Iso é o que se desprende do mesmo estudo de Exceltur, no que tamén queda patente que as viaxes asociadas a vivendas turísticas xeran unha derrama económica diaria un 84% menor que os establecementos regulados xa que os usuarios de vivendas gastan 20,4€ menos en aloxamento e 16,7€ menos en compras, restaurantes e lecer. En canto á xeración de emprego, as vivendas xeran 9,8 empregos directos cada 100 prazas frente os 53,3 dos establecementos regulados.