A venta as primeiras 500 entradas do Festival de Cans

A partir das 12h00 de mañá martes, 19 de abril, xa se poden mercar on line as primeiras 500 entradas para o Festival de Cans, que dan acceso á proxección da sección oficial de curtametraxes a concurso do sábado 21 de maio, 200 delas para a sesión matinal e 300 para a sesión de tarde. Poderán adquirirse a través da tenda oficial (http://festivaldecans.us10.list-manage.com/track/click?u=f960748210049a374e7962e34&id=9cbacebb54&e=8494e18752) en packs de entrada+camiseta pensados exclusivamente para os máis fieis seguidores do certame.

Como agasallo e agradecemento a esa fidelidade incondicional por cada entrada recibirase tamén unha chapa exclusiva e de tirada limitada, que só se poderá conseguir por esta vía. Ademais, os compradores poderán recoller tamén de forma gratuíta durante os días do festival o catálogo con información ampliada de todas as actividades. O prezo do pack completo é de 20€ (+1'5€ de gastos de xestión), cunha oferta de lanzamento con respecto ao prezo real que serían 27€ (12€ entrada + 12 € camiseta + 2€ catálogo + 1€ chapa). Os packs poderán recollerse a partir do día 9 de maio nas tendas do Rei Zentolo en diversas cidades de Galicia (A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo), así como na tenda Tía Tata do Porriño.

A tenda virtual do Festival de Cans (http://festivaldecans.us10.list-manage1.com/track/click?u=f960748210049a374e7962e34&id=ff06d5c40f&e=8494e18752) está aberta todo o ano e nela poden adquirirse tamén todos os produtos de merchandising: o suadoiro “Agroglamour” en edición limitada, camisolas da última edición, chaveiros, cuncas, calcetíns e chapas do festival, ademais de ofertas exclusivas e a sección “outlet” do stock de edicións anteriores a prezos rebaixados. A organización do festival lembra que as compras a través da tenda on line constitúen unha contribución fundamental para garantir a viabilidade do certame, como vía de financiamento alternativa e fórmula para xerar novos recursos propios, un dos obxectivos continuos do festival na loita para intentar garantir cada ano unha nova edición.