A oferta turística galega chega a Hong Kong, Shanghai e Pekín

Un total de 160 profesionais do turismo chinés que representan a 118 empresas operadoras terán a oportunidade estes días de coñecer de preto o destino Galicia a través das presentacións que levará a cabo Turismo de Galicia nas cidades de Hong Kong, Shanghai e Pekín, entre os días 18 e 21 de abril.

A entidade de promoción turística da Xunta promoverá así a oferta e os servizos turísticos galegos, apoiando a comercialización destes, nun dos mercados emerxentes máis interesantes para a Comunidade galega.

Esta actividade, organizada por Turespaña e  que se iniciou onte en Hong Kong, contou coa participación de 40 operadores turísticos que representaban a 27 compañías relacionadas coa compra de viaxes organizados nesta cidade.

Turismo de Galicia participará mañá día 20 de abril na presentación e workshop que terá lugar na cidade de Shanghai e na que se espera que participen 50 profesionais do turismo que representan a 41 empresas.


Por último, dentro desta viaxe promocional, o turismo galego presentarase na capital de China, Pekín, onde está previsto que participen 70 axentes de viaxe que representan a 50 empresa turísticas.