A Festa da Lamprea de Arbo declarada de Interés Turístico Nacional

Horacio Gil, primeiro pola dereita
A Festa da Lamprea de Arbo, que se celebrará os próximos 22, 23 e 24 de abril, lucirá nesta súa LVI o marchamo de Festa de Interés Turístico Nacional. A boa nova foi anunciada durante a presentación desta edición da festa pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen compareceu acompañada polo alcalde de Arbo, Horacio Gila e da secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz.

Nava Castro afirmou que “esta merecida distinción recoñece tanto a antigüidade, arraigo e continuidade desta festa como a súa singularidade”. Coa da Lamprea de Arbo, Galicia suma xa once festas que contan con este recoñecemento.

Esta festa tivo o seu orixe no ano 1961 cando un grupo de veciños e responsables de varios restaurantes e adegas organizaron a I Festa da Lamprea para dar a coñecer este este froito piscícola ancestral, así como os viños do Condado, hoxe acollidos á Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas.

Dende entonces, Arbo celebra ininterrompidamente a súa festa máis importante na que miles de asistentes abarrotan os restaurantes da vila e os puntos de degustación situados no recinto ‘Arbomostra’, para desfrutar das racións de lamprea preparada de distintas formas e dos mellores caldos da zona.

Por outra parte, Nava Castro fixo referencia ao novo produto turístico promovido por Turismo de Galicia entorno a este particular peixe e a súa captura, a Ruta da Lamprea, presentada a destempo, cando o ciclóstomo xa non está en tempada.