A etiquetaxe do mexillón galego chega ao Parlamento

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, respondeu no Parlamento a unha interpelación relacionada coa etiquetaxe do mexillón galego e defendeu a aposta da Xunta por unha Denominación de Orixe Protexida do mexillón que integre os intereses de toda a cadea deste sector. Neste sentido, destacou a importancia do diálogo para clarexar os criterios de etiquetaxe da DOP do mexillón e para dar unidade ao sector mitilicultor. “Esta é unha tarefa na que administración, sector e grupos políticos debemos participar”, sinalou.

En relación á sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra coñecida hai unhas semanas, a titular de Mar explicou que non crea xurisprudencia e que unicamente ten efectos entre as partes do procedemento, é dicir, entre unha conserveira en concreto e o Consello Regulador do Mexillón. Trátase, engadiu, dunha sentenza que interpreta a norma en vigor de xeito diferente a como se viña interpretando, por iso é imperativo clarexar a situación. 

Nesta liña, e para poder actuar en consecuencia, a Xunta a través do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente pediu un ditame técnico e biolóxico ao Comité Científico das DOP da Unión Europea para que aclare se o mexillón en conserva é o mesmo produto que o mexillón en fresco. Isto foi solicitado debido a que o último ditame da UE reflectía que eran produtos distintos, desvinculando á conserva da orixe que se trata de certificar coa DOP.