Uruguai interésase polo desenvolvemento turístico en Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu hoxe na sede da administración turística galega, en Santiago de Compostela, ao viceministro de Turismo de Uruguai, Benjamin Liberoff. O encontro xurde tras a reunión celebrada pola directora de Turismo de Galicia e a ministra de Turismo de Uruguay, Liliam Kechichian, no marco da 36 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, co obxectivo establecer orientacións definidas en común dirixidas ao desenvolvemento dunha colaboración en materia de turismo entre ambos territorios.

Durante o encontro, o viceministro de Turismo de Uruguai puido coñecer de primeira man as iniciativas que dende a Xunta de Galicia estanse levando a cabo para consolidar Galicia como un destino diferencial e multiexperiencial e combater, así, a desestacionalidade.

Neste senso, o viceministro uruguaio interesouse de maneira especial polo desenvolvemento levado a cabo en Galicia no eido do turismo rural, concretamente, por asuntos relacionados coa innovación turística como a implantación das novas tecnoloxías e plataformas de comunicación como ferramentas para comunicar, percibir, comercializar e vender servizos de turismo activo.


Benjamin Liberoff afirmou que Galicia é un referente internacional no desenvolvemento e promoción do turismo rural e na consolidación de destino de natureza.