Turismo de Galicia enténdese co cabildo compostelán

O Consello da Xunta aprobou o acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago para a mellora da atención aos peregrinos e visitantes da nosa comunidade. O obxecto do acordo é mellorar a atención ofrecida a estes peregrinos e visitantes que chegan a nosa comunidade para, así, consolidar a calidade como un elemento distintivo e factor de diferenciación do destino Galicia.

Para posibilitar a realización das actuacións obxecto do convenio de colaboración, Turismo de Galicia achegará 200.000€.

O convenio inclúe diversas iniciativas relacionadas co Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos de Santiago de Compostela, como o reforzo do seu material e persoal para unha maior atención e información aos peregrinos ou a cesión dun local nas súas instalacións para a utilización de Renfe.

Así mesmo, Turismo de Galicia colaborará, grazas ao acordo, en actividades e edición que promova a Catedral de Santiago relacionadas coa Ruta Xacobea, como o Congreso de Acollida Cristiá, así como a edición de revistas ou publicación.