Turismo de Galicia dase cita na ITB de Berlín

Turismo de Galicia e unha delegación de máis de trinta empresarios pertencentes ao clúster galego do sector, participan na 50ª edición da Internationale Tourismus Börse, ITB, de Berlín. Este certame turístico consolidouse como unha das citas profesionais máis importantes da industria turística a nivel mundial, abrindo soamente ao público durante a fin de semana.

O obxectivo desta misión turística galega encabezada por Nava Castro é promover a oferta e os servizos turísticos da nosa comunidade no mercado alemán, o segundo mercado emisor máis importante para Galicia.

Turismo de Galicia amplía a súa presenza habitual nesta edición dispoñendo dun espazo diferenciado de 50m2 dentro do stand de España, co obxecto de difundir a oferta turística xeral e dispoñendo dunha área para os encontros comerciais de profesionais na que estará representada o Clúster Turismo de Galicia.

 No seu 50 aniversario esta feira internacional de turismo conta con 10.000 expositores de 187 países diferentes e unha previsión de máis de 100.000 visitantes, un escaparate único para a promoción de Galicia como destino e que permitirá á nosa comunidade establecer puntos de encontro con países e turistas de novos destinos.