Smart Camiño, o Camiño na enciclopedia do futuro

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou a iniciativa Smart Camiño que, tal e como salientou “introducirá o Camiño na enciclopedia do futuro, a rede de redes” e permitirá planificar a viaxe, usar a realidade aumentada para consultar onde comprar, comer ou hospedarse. “Estamos ante unha verdadeira rede social dos camiños” engadiu.

As actuacións de Smart Camiño se dirixen por unha banda á extensión da rede wifi gratuíta ao 100% dos albergues, xa que na actualidade o 84% da rede pública de albergues conta xa con rede wifi gratuíta. E por outra, á posta en marcha dunha nova páxina web, caminodesantiago.gal, que desde xa será “a dirección da nosa casa no mundo e ofrecerá indicacións do que somos a calquera que acceda a ela” e unha aplicación para o Camiño de Santiago, que estará dispoñible desde mediados de abril.

O presidente da Xunta sinalou o papel fundamental que desempeña o turismo na nosa economía e a boa marcha que esta actividade está a ter nos últimos anos, “supón o 11,6% do nos produto interior bruto. Ou o que é o mesmo, 1 de cada 10 euros que se xeran en Galicia veñen da man dos que nos visitan” e dá traballo a 110.000 familias, dixo.