Santiago, follower do proxecto europeo Smarter Together

O proxecto Smarter Together, dotado con 29 millóns de euros, financiados polo programa Horizonte 2020 da Comisión Europea, ten como finalidade actuar sobre tres problemáticas fundamentais: o uso da enerxía en equipamentos urbanos, a mobilidade e a produción de enerxías alternativas, os tres piares sobre os que descansa o concepto de smart city. 

Dende o 1 de febreiro, Lyon, Munich e Viena, como cidades lighthouse, son escenarios de experimentación da smart city a escala europea. Santiago é socio do proxecto como cidade "seguidora" (follower), xunto con Venecia e Sofía. Ademais, o proxecto tamén contempla a figura de cidades "observadoras" de fóra da Unión Europea, neste caso Kiev e Yokohama.

Compostela, como socia do proxecto e cidade follower, terá a oportunidade de participar para mellorar o deseño da súa propia estratexia de cidade en cinco áreas concretas: sistemas de calefacción de barrio e enerxías renovables, rehabilitación enerxética global de equipamentos urbanos, plataformas de datos e servizos intelixentes, laboratorios urbanos para a participación cidadá e solucións de mobilidade para conseguir unha mobilidade sostible.

Para participar nestas primeiras reunións, desprazáronse ata Lyon representantes do Concello, co edil de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, ó fronte, e o técnico responsable do proxecto na Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), entidade colaboradora no mesmo.