Reactívase a Mancomunidade de Santiago

Os alcaldes dos concellos que forman parte da Mancomunidade de Santiago, reuníronse co obxectivo de analizar a conveniencia de revitalizar este organismo. No encontro, de carácter informal, todos os participantes acordaron recuperar a Mancomunidade, aproveitando o marco legal que ofrece para desenvolver algúns proxectos comúns.

Martiño Noriega cualifica de moi positiva a xuntanza. A primeira reunión oficial do organismo será despois de Semana Santa, e nela farase unha análise da situación actual na que se atopa a Mancomunidade. O alcalde compostelán lembrou que a última conta xeral aprobada data de 2012, e dende entón a entidade ten uns fondos sen gastar de máis de 200.000 euros. Nesa primeira xuntanza oficial tamén serán nomeados os vicepresidentes do organismo e reorganizarase a súa estrutura formal. Martiño Noriega sinalou que a presidencia da Mancomunidade correspóndelle a Compostela.

O primeiro obxectivo da Mancomunidade será avanzar na creación dunha Comisión de Emerxencias, que estudará as vías para constituír un servizo comarcal de bombeiros. Martiño Noriega insistiu no interese de todos os Concellos "por desbloquear un tema que levaba paralizado máis de 8 anos, e no que algúns municipios teñen especial interese, como Ames ou Vedra".

Martiño Noriega recoñeceu que el mesmo "fora moi crítico co funcionamento da Mancomunidade, porque no pasado non se aproveitaron as súas potencialidades". Para facilitalo, o rexedor explicou que se vai analizar "un cambio de filosofía, de xeito que os Concellos non teñan que abonar unha cota fixa á Mancomunidade, senón que se fixen pagos por obxectivos". 

Na reunión informal celebrada onte participaron os alcaldes de Ames, Boqueixón, Teo, Val do Dubra e Vedra. O rexedor de Brión non puido asistir por motivos persoais, pero amosou o seu respaldo aos acordos adoptados.